Posts Tagged ‘etc’

Amancay Tapia Montes

Luns, Decembro 28th, 2009

Eu vivín con Amancay nun “piso patera” en Londres chamado Casa Maruja, en Queen’s Park.
Inmigrantes, aínda que con papeis nos agolpabamos unha morea de rapaces e rapazas buscándonos a vida en Londres. Galegos, Vascos,  algún madrileño…

Tres, catro ou cinco por habitación, pagando unhas 55 libras semanais “per capita”, compartindo unha cociña cochambrosa, e un cuartucho inmundo de dous por dous, no que podiamos chegar a sentarnos catorce ou quince persoas a ver a tele, e a compartir sandwiches sobrantes dalgún “Prèt a Manger” da cidade, ou kebabs do “Alí Babá” sobre unha moqueta tan porca e absorbente que voltearas o que voltearas sobre ela, desaparecía instantaneamente coma se nada.

O “hostal” era un lugar interesante onde intercambiabamos valiosísimas informacións sobre traballos, axencias de traballo temporal, e papeleos varios, requisitos para as complicadas tarefas de facerse cun numero provisional da seguridade social inglesa, ou cunha conta nun banco inglés, que dito así parecen cousas doadas para calquera que non teña pasado por esas lides…

E a pesares da súa precariedade, o ambientillo creaba certa adición, chegando a hospedar a peculiares persoeiros coma Antón, que non se sabe canto tempo podía levar vivindo alí.

Coido que poucos dos que por alí pasamos poden ter esquecido a experiencia, e as personaxes que alí coincidían en calquera intre.

Amancay é un deses persoeiros que un lembra con agarimo, loitadora e independente buscavidas, que deseguida se colocou en postos de traballo de primeira, e que finalmente decidiu deixar de traballar para aventurarse nos estudos de cine.

Sempre lembrarei unha anécdota que lle aconteceu e impactou a ela vivir e a min escoitar, cando un día chegou do choio impresionada. Resulta que encamiñándose ó metro nunha desas estacións ateigadas do centro, que non poido lembrar con exactitude se era Oxford Street, contemplou aterrorizada coma unha persoa se derrubaba no chan, e como a xente pasaba ó seu redor coma se nada, sen tan sequera mirar ou reaccionar de xeito algún. Creo recordar que se trataba dunha muller non “branca” entrada en anos. O feito é que ela se achegou para ver se podía ser de axuda, descubrindo con sorpresa que estaba morta. Alí agardou a que a levaran, con bágoas nos ollos e desbordada pola frialdade dos viandantes.

Hoxe escribo sobre Amancay, emocionado tras ver un par de cortos realizados por ela (que colgo embaixo),  xa que este día, para a nosa sorpresa, despois de anos sen voltar a saber dela, Eva descubriu a súa cara na Voz de Galicia. Amancay, por onde queira que andes, que saibas que eiquí, en Ferrol, Eva e mais eu, aledámonos de che vaia ben e desexámosche a mellor das sortes!

Amancay Tapia Montes

http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2009/12/24/0003_8191255.htm

http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2009/12/24/0003_8191256.htm


Amancay Tapia Montes (14IFC Finalist)
por 14ifc

Teño que dicir que, o que segue, este último, emocionoume especialmente, ó me facer revivir a sensación de perder un ser querido na distancia dunha illa da que non hai saída de emerxencia economicamente asumible.

No meu caso tiven o desgusto, en dúas ocasións, de perder en Galiza estando en Londres, ás dúas avoas, que foron nais para min.

Blogomillo

Martes, Xullo 14th, 2009

Un dos blogues mais interesante polo que levo navegado na blogosfera é Trafegando ronseis http://trafegandoronseis.blogspot.com Alí atoparedes un blogue actualizado continuamente con interesantes videos e comentarios sobre libros entre outras cousas. As súa ultima entrada, no momento de escribir esto parecenme sumamente interesante, e así a copio tal cual e vos ilustro cun par de videos, para animarvos a visitalo:

Publicidade para salvar o Planeta

The Guardian seleccionou estes 27 anuncios para The best adverts to save the planet, unha galería coas que consideran as mellores creatividades das recopiladas por ACT Responsible, unha organización sen ánimo de lucro co obxectivo de reunir, promover e inspirar a comunicación responsábel en canto a sostibilidade, desenvolvemento igualitario e responsabilidade social.

Imaginantes

Descubrín grazas a Alfaias este marabilloso programa da televisión. Envexa dá ter tanta poesía reunida na caixa parva. É da Fundación Televisa, e paga a pena que os vexades. Pura fermosura.

El árbol rojo

Xa sabedes canto me gustan os álbums ilustrados: son pequenas visitas por un museo. Por iso, cando vin este libro na Feira do Libro de Lalín, merqueino sen mirar sequera o autor; as ilustración antolláronseme tan fermosas que non precisaba máis. Logo, fixeime, e resultou ser de Shaun Tan, autor de Emigrantes, libro do que xa falamos hai unha eternidade. As ilustracións son, sen dubidar, obras de arte, esperta todo tipo de sensacións no lector coas súas figuras e as cores.

A historia de El árbol rojo, se falamos de libro infantil (u-la fronteira?) non me parece infantil: a desesperanza e a tristura é o eixo central, cun toque de esperanza ao que asirnos ao final do libro. O texto é dunha liña por ilustración, tan sinxelo que tod@s somos a nena protagonista, onde non hai ninguén que nos comprenda e onde o desánimo inicial fai que vexamos un mundo de desamparo.

Quedádevos co nome desta editorial, porque realmente agasállanos con obras de arte: Bárbara Fiore Editora.