Posts Tagged ‘Castelao’

A árbore, Castelao “Sempre en Galiza”

Sábado, Decembro 27th, 2008

Hai uns días atopei unha folla de papel roida polo tempo na que transcribira, nos meus días de instituto, unhas reflexións de Castelao sobre a nosa terra, que por desgraza, aínda que a urxencia da súas verbas segue vixente, non fai máis que evidenciar o pouco que nos queda da Galiza que Daniel Alfonso Rodríguez Castelao describía:

“A árbore é un símbolo do señorío espiritual de Galiza.

A árbore é un engado dos ollos, pola súa fermosura;

é unha ledicia dos ouvidos, porque nela cantan os paxaros;

é un arrolador do espírito, porque nas súa ponlas conta contos o vento.

A árbore danos a froita, que é un manxar composto polo noso creador,  para regadía do noso padal: O derradeiro ben que nos quedou do paraíso  perdido.

A árbore pídelle auga ó ceo para que a terra teña sangue vida e bonitura.

A árbore danos a sombra fresca no verán e a quentura agarimosa no

inverno.

A árbore danos as traves, o sobrado e as portas da casa. Danos o berce, o báculo da vellez e a caixa pra baixar á terra.

A árbore danos o papel barato que nos trae a decotío as novas do que pasa no mundo.

Val máis unha terra con árbores nos montes que un estado con ouro nos bancos.

A calvicie dos montes galegos é unha terrible acusación contra o estado unitario.

As árbores son as minas galegas que NOS SABEREMOS EXPLOTAR CANDO A NOSA TERRA SEXA NOSA.

A repoboación forestal será o patrimonio da nación galega e o mellor aforro da colectividade.

Na nosa terra dánse as mellores árbores; o día que saibamos o que é unha árbore, aquel día non teremos a necesidade de emigrar. “