Posts Tagged ‘Árbores’

A defensa dos nosos montes

Xoves, Xuño 7th, 2012

 

A plantación intensiva de especies é o cancro da nosa terra i é unha das principais causas da desertización i empobrecemento da terra e dos pobos en beneficio de multinacionais arredor do mundo.

Se ademais se fai coma na Galiza cunha especie pirófila coma o eucalipto, o desastre ecolóxico multiplícase a consecuencia do lume.

Penso que manifestar a desconformidade é vital para o noso país, no que as masas adormecidas consenten tódolos atropelos do mundo e asemellan espertar cal monicreques só para manifestacións futbolísticas.

Esperta do teu sono fogar de Breogán!

Maniféstate física, virtual ou cibernéticamente, pero fai algo!

Mais de ÁRBORES

Videoligazóns:

Greenpeace quiere que se limiten las plantaciones de eucalipto

El escarabajo verde – El papel del eucalipto

¿Te acuerdas? – Los inicios de la reforestación

Arbol del dinero,arbol malo (La Noche Tematica)

Mais de plantación intensiva i eucalipto (Ver vídeo dende minuto 7)

La tierra vista desde el cielo – Agua dulce 2 (ver dende 36:05 a 38:00)

 

 

Eucaliptus fóra da Galiza!

Xoves, Xaneiro 15th, 2009
Lume

O ecosistema galego está invadido. A flora autóctona resiste a duras penas, como aquel pobo galo de Asterix ante os invasores romanos.

O lume impera nos nosos bosques no verán, ante unha especie pirófila1 e alosterica2 que se beneficia do lume para medrar e expandirse sen piedade arrasando ó seu paso con flora e fauna e desertizando.

O eucalipto globulus, o mais común na Galiza é, das moitas especies de eucalipto que evolucionaron co lume, a máis incendiaria. Os bombeiros chámano “árbore de gasolina”. O lume non só non mata ó globulus, senón que este depende do lume para abrir os seus froitos i eliminar á competencia. O eucalipto globulus promove o lume co seu aceite combustible, a súa abundante follareda e as súas longas tiras de cortiza que colgan e que están deseñadas para levar o lume á  copa.

O eucalipto globulus non se queima sen mais, senón que explota, enviando teas e sementes a decenas de metros en todas las direccións.”

A plantación intensiva propicia a desertización e o cambio climático. A rendibilidade a curto prazo hipoteca o futuro da nosa terra e dos nosos fillos e fillas.

O bosque autóctono, aínda que se rendibilice a máis longo prazo, produce outras rendibilidades económicas, ó marxe das naturais, como pode ser a micolóxica (setas ricas, ricas e caras, caras), a produción de froitos secos como as castañas, noces, abelás (ricas, ricas e caras, caras) ou landras para alimentación de gando porcino e fauna autóctona.

Como nos dixo Castelao:

“A arbore é o símbolo do señorío espiritual
de Galicia. A arbore é un engado dos ollos,
pola súa fermosura; é unha delicia dos oídos,
porque nela cantan os paxaros; é un arrolador
do espírito porque nas súas polas conta contos
o vento. A arbore pídelle auga o ceo para que
a terra teña sangue, vida e bonitura”.

Pero etas mesmas verbas cuestionan a arbolidade dun asasino como o eucalipto.
O ecosistema galego está invadido tamén a nivel cultural social e lingüístico, pero o eucaliptus é hoxe o símbolo de colonización do noso pobo.

1pirófilo, la[pyrophilous]
adx. (Ecol.) Se aplica a plantas que por conter esencias ou resinas inflamables propagan o fogo pero que, nembargantes, resisten os seus efectos por aguantar ben os incendios as súas raíces ou sementes e rebrotar pouco despois.

2alosteria. Fenómeno que consiste en que emana unhas substancias químicas que fan que non medren árbores ou herbas doutra clase ó seu redor.

wrmcast.gif (3121 bytes)

Relativo ó globulus:
http://www.wrm.org.uy/boletin/54/USA.html

A árbore, Rabindranath Tagore

Luns, Xaneiro 12th, 2009

Baixo a foto deste magnífico carballo rescato unhas fermosas palabras de Tagore que probablemente lle serviron de inspiración a Castelao para o marabilloso escrito publicado aínda mais abaixo, pertencente a Sempre en Galiza.

best-picture-gallery-angel-oak-south-carolina-markregs

A ÁRBORE

Viaxeiro, escoita:

Eu son a táboa do teu berce, a madeira da túa barca,

a superficie da túa mesa, a porta da túa casa.

Eu son o mango da túa ferramenta,

o bastón da túa vellez.

Eu son o froito que te prace e te nutre,

a sombra xenerosa que te resgarda

dos ardores do estío,

o refuxio amable dos paxaros

que alegraron cos seus cantos as túas horas

e limpan de insectos os teus campos.

Eu son a fermosura da paisaxe,

o encanto da horta, o sinal da montaña,

o linde no camiño…

Eu son a leña que te quece nos días de inverno,

o perfume que te agarima

i embalsama o ar a todas horas,

a saúde do teu corpo e a ledicia da túa alma.

No fin, son a madeira do teu ataúde.

Por todo isto, viaxeiro que me contemplas,

ti que me plantaches coa túa man e podes chamarme filla,

ou que me tes contemplado tan a miúdo,

mírame ben, pero… Non me fagas dano.

Rabindranath Tagore

Mais sobre árbores aquí

A árbore, Castelao “Sempre en Galiza”

Sábado, Decembro 27th, 2008

Hai uns días atopei unha folla de papel roida polo tempo na que transcribira, nos meus días de instituto, unhas reflexións de Castelao sobre a nosa terra, que por desgraza, aínda que a urxencia da súas verbas segue vixente, non fai máis que evidenciar o pouco que nos queda da Galiza que Daniel Alfonso Rodríguez Castelao describía:

“A árbore é un símbolo do señorío espiritual de Galiza.

A árbore é un engado dos ollos, pola súa fermosura;

é unha ledicia dos ouvidos, porque nela cantan os paxaros;

é un arrolador do espírito, porque nas súa ponlas conta contos o vento.

A árbore danos a froita, que é un manxar composto polo noso creador,  para regadía do noso padal: O derradeiro ben que nos quedou do paraíso  perdido.

A árbore pídelle auga ó ceo para que a terra teña sangue vida e bonitura.

A árbore danos a sombra fresca no verán e a quentura agarimosa no

inverno.

A árbore danos as traves, o sobrado e as portas da casa. Danos o berce, o báculo da vellez e a caixa pra baixar á terra.

A árbore danos o papel barato que nos trae a decotío as novas do que pasa no mundo.

Val máis unha terra con árbores nos montes que un estado con ouro nos bancos.

A calvicie dos montes galegos é unha terrible acusación contra o estado unitario.

As árbores son as minas galegas que NOS SABEREMOS EXPLOTAR CANDO A NOSA TERRA SEXA NOSA.

A repoboación forestal será o patrimonio da nación galega e o mellor aforro da colectividade.

Na nosa terra dánse as mellores árbores; o día que saibamos o que é unha árbore, aquel día non teremos a necesidade de emigrar. “