Archive for the ‘Escrito por min’ Category

Grazas por estar aí!

Luns, Xuño 24th, 2013

Hai días e diíñas, semanas e semaniñas coma esta do meu cumpreanos que remata hoxe, hai intres nos que todo se torna do revés e che ven a vertixe  cando a velocidade do que acontece non che da tempo de te preguntares que vai pasar despois antes de que pase, e non das creto ante a imparable sucesión de acontecementos…

Neses días lémbraste de todo o que es, o que tes e o que dependes do que che rodea, da dimensión social que en definitiva che fai humano, e non tes mais que grazas para dar…

Grazas por ese sistema de saúde único aberto á porta da casa, por esa atención do sistema público de calidade, por eses profesionais tan ben formados no noso emblemático sistema educativo, por ese milagre social que o fixo posible…

Grazas pola xenerosidade deses doadores anónimos, xente solidaria e desprendida que permitiu que as catro bolsas de sangue estiveran alí á súa disposición cando fixeron falla…

Grazas polos coidados, polas instalacións, os servizos e a comida, pero sobre todo por me devolverdes á vida ao meu amor no que a piques estivo de ser o seu derradeiro suspiro…

En tempos nos que tanta publicidade se fai do ensino e da sanidade privada, tanto se apela á rendibilidade dos servizos públicos, para lle poñeren prezo as vidas humanas, para comerciar ca desgracia allea, que pouca propaganda se fai do noso, do de todos, do gañado a pulso, do pagado por todos e que no lo queren roubar enganosa e descaradamente…

Dende este medio quero aproveitar para lle agradecer a todo o equipo humano do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, ao servizo de urxencias xinecolóxicas, ás cirurxiás, aos anestesistas, as enfermeiras, en definitiva a todo o equipo médico a dilixencia no salvamento da vida da miña dona, do meu amor, da nai da miña filla, que hoxe xa está reposta, agradecida e feliz.

Grazas compañeiros amizades e familia, pero grazas sobre todo a ti Eva, por aguantares, resistir e sobrevivir!

Grazas Eva por estar aí.

Grazas tamén no día de onte a unha sociedade coma a nosa, madura, solidaria e, malia o que diga calquera informe Pisa, culta, que lle permitiu ao meu querido tío Luís a capacidade de decidir sobre a súa vida ante o encruecer da súa enfermidade, o condeado cancro e a súa maldita metástase, malia os retrógrados esforzos da santa sede, Luís descansa alá onde a túa enerxía permaneza, estarás con Maite e connosco para sempre.

Pero non rematarei so agradecendo, pois tamén son horas de acusar.

De acusar por exemplo ao inimigo interior da sanidade pública. O que utiliza o que é de todos para favorecer aos seus “clientes” de consulta privada. O seu relegamento do paciente público nas listaxes de espera é criminal. A vocación de servizo debera ser indispensable para ostentar un posto destes.

Acuso, como fixera o Beiras, aos nosos dirixentes de roubo e asasinatos, de crime contra a sociedade e contra a humanidade, por pechar ás de hospital para aforrar cartos en persoal medios e menciñas, por someter a xornadas laborais denigrantes aos que velan pola nosa saúde, por enrudecer as condicións laborais dos interinos, por acumular pacientes en camillas nos pasillos, por desmantelar e prexudicar ao noso sistema de saúde para beneficio de intereses privados…

Señores dirixentes:

Que vos da dereito aos vosos salarios e condicións laborais cando o voso rendemento para sociedade e mais prexudicial que nulo? Como vos podedes atrever a xogar cos verdadeiros garantes do servizo social ao cidadán cando o voso labor é a verdadeira lacra deste país e deste estado? Como ousades xulgar e deteriorar a imaxe dun medico ou dun mestre cando o voso servizo é para o partido ou a banca, ou puro nepotismo ou enriquecemento persoal e non para o beneficio da sociedade?

Vergoña deberiades amosar, señores dirixentes, pero non sabedes o que é iso.

Grazas servidores públicos con vocación por estar aí, grazas aos que defenden o que é de todos por estar aí, pois é a diario cando a vida e a dignidade dos nosos está en xogo e vos estades aí para salvala.

Unha e mil veces mais Grazas.

 

Ata sempre querido Luís,

eterno noivo da Maite

marabilloso tío, persoa tenra e afable,

sempre adoraches os cativos, sobriños ou netos,

déchesnos os primeiros cromos, as primeiras bolas,

o primeiro trompo, comba, tabas, a primeira cana de pescar,

e, argalleiro sen igual unha madrugada antes de ir á escola

fuches o primeiro en nos levar pescar no mar

por Domaio con Xerardo na gamela a navegar.

Captador de imaxes inigualábeis

comprometido ca cultura da terra,

ca galeguidade, ca xente e ca sociedade

amante da cociña dos larpeiros,

do peixe e todo o que ven do mar,

de Portugal, dos Beatles e Supertramp,

da prensa a radio e o fútbol do Celtiña,

das imaxes antigas de Vigo e a súa ría,

de Leiro e o ribeiro, tinto, por favor!

da puntilla irónica ás novas de actualidade…

tranquilamente…  dis ti, e vaste…

… e non te vas…

 

Parabéns avó!

Domingo, Maio 12th, 2013

O meu avó fixo onte, 11 de maio de 2013, noventa e un anos.

Telo uns días na casa connosco foi un orgullo e un pracer.

Dentro do ritmo frenético das nosas vidas de hoxe, deterse uns intres e ser consciente das pequenas cousas, do duro que pode ser andar ou subir escaleiras cos xeonllos gastados, fante reflexionar sobre o pasado o presente e o futuro. Apréstate a coidar o teu corpo para chegar alá de ser o caso, nas mellores condicións posibles, pero á vez tamén che apresta a vivir mentres poidas canto poidas… Canta xente en condicións físicas excelentes pasa o día coma minusválidos prostrados ante ordenadores, videoxogos, películas ou tele-lixo…

… E canta xente non daría algo por podérense erguer da cadeira e botar a correr…

O meu avó con noventa e un, ten intactas as aptitudes mentais, a cordura e mesura para se coidar, a capacidade de pasalo ben con calquera cousa, o gusto polas cartas e o tute, o sentido do humor e amor polos demais e o bo padal para as cousas boas..

Parabéns meu avó, bisavó de Andrea, Adrián e Inés…

Felices 91!

E a seguir así de ben outra morea de anos!

ESPAÑA, o estado chourizo!

Mércores, Novembro 7th, 2012

Hoxe lemos en Público: Fianza de 10,5 millóns de euros a cinco exdirectivos de Novacaixagalicia

Aquí o que había que facer é meter na cadea a todo cidadán que despois dun servizo público se converta en millonario!

Como poden uns fulanos que entran un dia a traballar nunha empresa que era PÚBLICA, retirarse cunha grande fortuna?

Nun mundo de chourizos, os cidadáns somos o picadillo machacado e adobado que os engorda.

Róubannos dende os poderes públicos e dende a banca, e aínda por riba levamos as culpas e pagamos NÓS o pato.

Privatizan a nosa AUGA a nosa ENERXÍA os nosos APARCAMENTOS as nosas ESTRADAS os nosos TRANSPORTES as nosas COMUNICACIÓNS… acabamos pagando ata tres ou catro veces as mesmas cousas, servizos e infraestruturas, para beneficio de chourizos, amigos ou parentes de chourizos.

Privatizan a NOSA SAÚDE o noso ENSINO e os nosos SERVIZOS para espolio do erario publico e ruína das garantías sociais, e beneficio dos CHOURIZOS que toquen.

Contemplamos como familiares de políticos, do rei ou de Franco acaparan grande representación en empresas privatizadas de sectores tan estratéxicos como a telefonía ou a enerxía.

As empresas pequenas afunden con tódolos traballadores por culpa dos bancos afogados entre a falta de liquidez, de pago de débedas e o acoso da seguridade social e a facenda para beneficio das grandes empresas que son impunes a inspeccións fiscais, laborais, de consumo, etc… e ademais reciben axudas para construír accesos e aparcamentos gratuítos.

Traballadores enviados ao paro por políticos e banqueiros corruptos ao servizo do grande capital, perden as súas casa outra vez para beneficio de CHOURIZOS que ademais seguen a cobrar os prestamos de bens xa expropiados…

Casas amortizadas tres e catro veces pola banca que financiaba nunha mesma propiedade ao construtor, ao promotor, ao especulador e ao comprador, ao que lle quita a casa, a banca a segue cobrando volvéndoa poñer á venda.

Unha crise inventada e baseada non na falta de beneficios, senón que na diminución destes por parte dun puñado de empresas da BANCA ou a  AUTOMOCIÓN con ingresos multimillonarios sacados da costela do cidadán traballador, que poden facer ERES despedindo alegremente ao persoal mentres pequenas e medianas empresas afunden, non por diminución de beneficios, senón que por falta de ingresos que permitan facer fronte a seguridade social ou a impostos no prazo debido.

Pódese entender que sexa a propia seguridade social ou facenda a que afunda unha empresa e mande os traballadores á rúa?
Pódese permitir que xestores nefastos vivan a todo trapo e se permitan ollar por riba do ombreiro ao cidadán traballador ao que están a sangrar?

 

Pódese permitir que rescatemos bancos e afundamos empresas e familias?

MERDA DE PAÍS!

 

Lingua da casa: Unha pregunta tendenciosa

Mércores, Xuño 6th, 2012

Á hora de matricular nenos e nenas en infantil, no medio das múltiples opcións que se enchen, dilúese unha aparentemente inofensiva.

No mellor dos casos, se che importa, pódeste atopar na disxuntiva do que pór, sobre todo se o centro ofrece dúas liñas, como é o caso do da miña filla.

Resulta que da proporción de xente que poña coma LINGUA DA CASA GALEGO ou CASTELÁN, dedúcese dende a Xunta o desexo das familias de que o alumnado estude nunha ou noutra.

Por que non se fala claro? Por que non se pregunta directamente o que se quere preguntar?

Postos a facer enquisas, por que non consultan se queremos que se inclúa a relixión no currículo ou preferimos mais educación física ou directamente patio para uns nenos e nenas que pasan un tempo excesivo sentados nas aulas?

Pregúntannos na facenda se queremos que os nosos cartos vaian para a “SANTA Madre”, e aínda que dita enquisa debería ter valor democrático, non se respecta o noso desexo.

 

Calquera se decata deseguida da realidade galega na que moita xente que na casa fala castelán prefire un ensino en galego para os seus fillos, e viceversa. Pero ademais o feito de falaren na casa nunha o noutra lingua non ten relación algunha ca vontade ou rexeitamento de outras linguas no currículo.

Moita xente non quere escoller unha lingua con exclusividade, e o mais normal é o desexo plurilingüe. Outros coma min queremos cantas mais linguas no ensino, mellor, pero defendemos que os rapaces sexan quen de desenvolverse na nosa con soltura e sen complexos.

 

A CIG fai un chamamento a seleccionar o galego como lingua vehicular na matrícula de Infantil

Só así se pode evitar que a consellaría de Educación faga un uso fraudulento das respostas de nais e pais para atacar unha vez máis a nosa lingua.

A piques de abrirse o prazo de matrícula no ensino Infantil, a CIG fai un chamamento a nais e pais para que seleccionen o galego como lingua da casa cando o centro escolar, por mandato da consellaría de Educación, requira esta información. A CIG considera que só reclamando aulas en galego se pode garantir que as crianzas sexan educadas na nosa lingua e poidan adquirir, no noso idioma, a mesma competencia que van adquirir en español.
Para a CIG, que 120229-Educación xunto con outras entidades vén reclamando a normalización plena do noso idioma, o ensino require unha atención especial, xa que malia ser determinante o ambiente familiar para a configuración da lingua dunha persoa, tanto ou máis determinante é o ámbito escolar.

A central sindical considera que é fundamental que os rapaces e rapazas interioricen que o galego é tan útil como calquera outra lingua e que nel se pode ensinar e estudar matemáticas, historia e todo o que se queira. Entende ademais que é moi importante elixir o galego porque, no centro escolar, é onde se socializan con outros pequenos e pequenas e, nesa socialización, é onde se constata que a nosa lingua sae perdendo, pois no patio de xogos acaba por se impor o castelán.

A CIG valora que seleccionando a nosa lingua tamén se apoia ao profesorado máis concienciado para que poida seguir pulando por unha ampla presenza do galego no centro. Porén, só se a maioría dos pais e nais solicitan o ensino en galego, a Consellaría estará obrigada a aceptar que o galego sexa a lingua maioritaria na aula. De non ser así, a Consellaría pode obrigar o docente a dar aulas en español.

A Confederación Intersindical Galega lembra que escoller o galego é a única garantía de que a nosa lingua teña futuro; que é unha forma de defender os dereitos dos nenos e nenas a expresarse con desenvoltura no noso idioma e de avalar o traballo que vén facendo o profesorado na súa defensa, apostando ademais pola súa pervivencia.