Archive for the ‘Causas’ Category

Grazas por estar aí!

Luns, Xuño 24th, 2013

Hai días e diíñas, semanas e semaniñas coma esta do meu cumpreanos que remata hoxe, hai intres nos que todo se torna do revés e che ven a vertixe  cando a velocidade do que acontece non che da tempo de te preguntares que vai pasar despois antes de que pase, e non das creto ante a imparable sucesión de acontecementos…

Neses días lémbraste de todo o que es, o que tes e o que dependes do que che rodea, da dimensión social que en definitiva che fai humano, e non tes mais que grazas para dar…

Grazas por ese sistema de saúde único aberto á porta da casa, por esa atención do sistema público de calidade, por eses profesionais tan ben formados no noso emblemático sistema educativo, por ese milagre social que o fixo posible…

Grazas pola xenerosidade deses doadores anónimos, xente solidaria e desprendida que permitiu que as catro bolsas de sangue estiveran alí á súa disposición cando fixeron falla…

Grazas polos coidados, polas instalacións, os servizos e a comida, pero sobre todo por me devolverdes á vida ao meu amor no que a piques estivo de ser o seu derradeiro suspiro…

En tempos nos que tanta publicidade se fai do ensino e da sanidade privada, tanto se apela á rendibilidade dos servizos públicos, para lle poñeren prezo as vidas humanas, para comerciar ca desgracia allea, que pouca propaganda se fai do noso, do de todos, do gañado a pulso, do pagado por todos e que no lo queren roubar enganosa e descaradamente…

Dende este medio quero aproveitar para lle agradecer a todo o equipo humano do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, ao servizo de urxencias xinecolóxicas, ás cirurxiás, aos anestesistas, as enfermeiras, en definitiva a todo o equipo médico a dilixencia no salvamento da vida da miña dona, do meu amor, da nai da miña filla, que hoxe xa está reposta, agradecida e feliz.

Grazas compañeiros amizades e familia, pero grazas sobre todo a ti Eva, por aguantares, resistir e sobrevivir!

Grazas Eva por estar aí.

Grazas tamén no día de onte a unha sociedade coma a nosa, madura, solidaria e, malia o que diga calquera informe Pisa, culta, que lle permitiu ao meu querido tío Luís a capacidade de decidir sobre a súa vida ante o encruecer da súa enfermidade, o condeado cancro e a súa maldita metástase, malia os retrógrados esforzos da santa sede, Luís descansa alá onde a túa enerxía permaneza, estarás con Maite e connosco para sempre.

Pero non rematarei so agradecendo, pois tamén son horas de acusar.

De acusar por exemplo ao inimigo interior da sanidade pública. O que utiliza o que é de todos para favorecer aos seus “clientes” de consulta privada. O seu relegamento do paciente público nas listaxes de espera é criminal. A vocación de servizo debera ser indispensable para ostentar un posto destes.

Acuso, como fixera o Beiras, aos nosos dirixentes de roubo e asasinatos, de crime contra a sociedade e contra a humanidade, por pechar ás de hospital para aforrar cartos en persoal medios e menciñas, por someter a xornadas laborais denigrantes aos que velan pola nosa saúde, por enrudecer as condicións laborais dos interinos, por acumular pacientes en camillas nos pasillos, por desmantelar e prexudicar ao noso sistema de saúde para beneficio de intereses privados…

Señores dirixentes:

Que vos da dereito aos vosos salarios e condicións laborais cando o voso rendemento para sociedade e mais prexudicial que nulo? Como vos podedes atrever a xogar cos verdadeiros garantes do servizo social ao cidadán cando o voso labor é a verdadeira lacra deste país e deste estado? Como ousades xulgar e deteriorar a imaxe dun medico ou dun mestre cando o voso servizo é para o partido ou a banca, ou puro nepotismo ou enriquecemento persoal e non para o beneficio da sociedade?

Vergoña deberiades amosar, señores dirixentes, pero non sabedes o que é iso.

Grazas servidores públicos con vocación por estar aí, grazas aos que defenden o que é de todos por estar aí, pois é a diario cando a vida e a dignidade dos nosos está en xogo e vos estades aí para salvala.

Unha e mil veces mais Grazas.

 

Ata sempre querido Luís,

eterno noivo da Maite

marabilloso tío, persoa tenra e afable,

sempre adoraches os cativos, sobriños ou netos,

déchesnos os primeiros cromos, as primeiras bolas,

o primeiro trompo, comba, tabas, a primeira cana de pescar,

e, argalleiro sen igual unha madrugada antes de ir á escola

fuches o primeiro en nos levar pescar no mar

por Domaio con Xerardo na gamela a navegar.

Captador de imaxes inigualábeis

comprometido ca cultura da terra,

ca galeguidade, ca xente e ca sociedade

amante da cociña dos larpeiros,

do peixe e todo o que ven do mar,

de Portugal, dos Beatles e Supertramp,

da prensa a radio e o fútbol do Celtiña,

das imaxes antigas de Vigo e a súa ría,

de Leiro e o ribeiro, tinto, por favor!

da puntilla irónica ás novas de actualidade…

tranquilamente…  dis ti, e vaste…

… e non te vas…

 

Hai alternativas

Venres, Agosto 10th, 2012

HAI ALTERNATIVAS, libro de Vicenç Navarro, Juan Torres López e Alberto Garzón, con prólogo de Noam Chomsky, que os autores poñen en libre circulación porque a editorial Aguilar se botou atrás no último momento. Se che gosta, ¡Pásao! Di cousas como:

– Que a crise mundial é o que xa sabemos todos: un terrorismo financeiro.

– Que España é o único país da OCDE onde os salarios reais non creceron nos últimos 15 anos. E que non temos vivido por riba das nosas posibilidades, senón que os salarios estiveron i están por embaixo das nosas necesidades.

– Que hai 20 anos, as diferencias salariais entre Directivos e Asalariados era de 10-20 veces superior e agora é de ata 100-200 veces superior.

– Que os países que están a soportar ben a crise son os países do norte de Europa, onde os servizos sociais ocupan un 25% mentres na España só un 9%, e que estes servizos sociais se financian, por exemplo, coa política fiscal de Suecia.

-Que polo tanto, cando nos din que hai que reducir gasto público, e soldos, para xerar riqueza i emprego, é todo o contrario, e iso explicase con todo luxo de detalles aquí.

– Que a diferencia entre Suecia e mais España é que alí os ricos pagan os impostos, e aquí só pagan os traballadores con nómina, pero que as grandes empresas españolas, a grande maioría so declara un 10% das súas ganancias, e que as grandes fortunas, só un 1%, se acaso. E para iso utilizan os paraísos fiscais e outras tretas, que ate os bancos, os seus compinches, lles axudan desviar.

– Que noutros países de Europa, as grandes empresas non despediron aos seus empregados, senón que reduciron a xornada de traballo, polo que non se xerou paro.

– Que os plans de austeridade que nos impoñen, só dirixen ás economías cara o desastre, e que todo isto ven da economía NEOLIBERAL que impuxeron ao mundo R. Reagan e Thatcher. (Isto explícao moi ben Naomi Watts en: “a doutrina do shock”).

– Que na España, cos 40 años de ditadura, onde o poder da banca e os empresarios estaba moi unida á política, aínda prevalece esa tendencia: O poder de clase. (ver pag. 109-110)

– Que non deixedes de ler o capítulo V, sobre todo páxinas 107 a119, as páxinas que se ven arriba coas frechiñas.

– Que no cap.VII fala sobre os bancos, e a forma en que traballan, como xa sabemos todos, ao ser dirixidos por Wall Street e la City de Londres. E que habería que nacionalizar as Caixas de Aforros, para que sexan uns cartos que realmente sirvan ao pobo, e ás pequenas e medianas empresas, pois agora estase a facer todo o contrario.

– Que o 0,66% da poboación mundial ten o 66% dos ingresos mundiais anuais. Tamén di que na España non hai ningunha razón para que esteamos mal economicamente, senón que, se montaron de tal forma as cousas, que agora os bancos e os ricos non paran de gañar cartos, e nembargantes, a poboación é cada día máis probe i está máis estrangulada.

Hai un par de meses, a Editorial Aguilar, amosou interese en publicar o noso libro: “HAY ALTERNATIVAS”. Propostas para crear emprego e benestar na España, que nos prologou Noam Chomsky.

Cando xa se concretara como data de publicación do libro o 19 de outubro e se comenzara a súa promoción na web de Aguilar e librerías, os editores comunicáronnos que a empresa desexaba atrasala sen outra explicación de por medio, o que nos obrigou lamentablemente a desestimar a súa publicación nesa editorial. Confirmábase así o difícil que resulta difundir na España, e nos momentos en que son máis necesarias que nunca, coma agora, ideas alternativas ao pensamento único que predomina no debate político e social.

Ante esta situación optamos por ofrecer a nosa obra gratuitamente en formato .pdf a través da rede e nunha nova edición impresa en Edicións Sequitur que, coa colaboración de ATTAC España, arriscase a publicar rapidamente este libro que estará nas librerías ao prezo de 10 euros a partir do 31de outubro de 2012.

Temos a firme convicción de que só facendo que a cidadanía saiba o que de verdade está a suceder na nosa economía e divulgando as alternativas que existen a esta aguda crise do capitalismo poderemos saír dela con más emprego e benestar social, como demostramos neste libro.

Por iso chamamos a divulgar esta versión en pdf, a estudala e difundir as súas propostas e pedimos a todos os lectores que se convirtan en distribuidores do libro.

Contra a censura dos grandes oligopolios e o pensamento único que impoñen os poderes económicos, financeiros e mediáticos defendamos a pluralidade e a liberdade de pensamento coñecendo e difundindo o pensamento crítico.

Pedimos a vosa colaboración para demostrar a quen tentou silenciar este texto que o seu tempo está a rematar.

Difundide todo o posible este libro que vos envío.

“Case que todo o que realice será insignificante, pero é moi importante que o faga.” Mahatma Gandhi

Descarga o libro clicando embaixo:

Hay alternativas

 

Idígnense

Venres, Xullo 20th, 2012

#Indignados, o documental sobre o Movemento #15M (Completo)

por Tony Gatlif, director de pelis como “Latcho Drom

A defensa dos nosos montes

Xoves, Xuño 7th, 2012

 

A plantación intensiva de especies é o cancro da nosa terra i é unha das principais causas da desertización i empobrecemento da terra e dos pobos en beneficio de multinacionais arredor do mundo.

Se ademais se fai coma na Galiza cunha especie pirófila coma o eucalipto, o desastre ecolóxico multiplícase a consecuencia do lume.

Penso que manifestar a desconformidade é vital para o noso país, no que as masas adormecidas consenten tódolos atropelos do mundo e asemellan espertar cal monicreques só para manifestacións futbolísticas.

Esperta do teu sono fogar de Breogán!

Maniféstate física, virtual ou cibernéticamente, pero fai algo!

Mais de ÁRBORES

Videoligazóns:

Greenpeace quiere que se limiten las plantaciones de eucalipto

El escarabajo verde – El papel del eucalipto

¿Te acuerdas? – Los inicios de la reforestación

Arbol del dinero,arbol malo (La Noche Tematica)

Mais de plantación intensiva i eucalipto (Ver vídeo dende minuto 7)

La tierra vista desde el cielo – Agua dulce 2 (ver dende 36:05 a 38:00)